A Fundación Venancio Salcines de Oleiros ofrece a mostra “O que comen as bruxas” de Clara Martín (Verín, Ourense, 1968), quen, ademáis de ter publicados varios libros de relatos e obras teatrais, traballa a técnica do collage, centrándose na temática femenina, denominada “femmage” que foi definida por Miriam Schapiro e Melissa Meyer como a actividade “practicada por mulleres que utilizan técnicas tradicionais para lograr a súa arte: coser, pegar, enganchar, cortar...” O título da mostra remítenos aos seculares poderes atribuidos as nosas meigas benéficas, aínda que aquí o “meigallo” ven unido a rostros familiares da moda e da publicidade e leva incluido o significado de fascinación que tales enmeigadas poden producir. Clara Martín quere liberalas dos estereotipos baleiros, para dar unha idea creativa do universo femenino. Quere facer da muller -como di- “ unha bruxa de última xeración ,..., coa fermosura dos seus logros, dos seus soños e das súas inquedanzas...” ; así que a representa como unha deusa da natureza e da fecundidade, chea de explosión criadora e de poderosas forzas nutricias e pánicas que saen da súa cabeza como impresionantes adubíos, que tamén poden ser vistos como metáforas de todas as creacións que bulen por sair do seu cerebro. A súa visión podería compararse, na súa exultante beleza, coa deusa Afrodita e, na súa orxía floral e frutal, coa Pomona romana, divinidade dos froitos e dos xardíns. Así, “Cóxega” “ ten a memoria chea de altares” e nácenlle da cabeza piñas e flores; “Sálvora” leva por cabelos unha coroa de xenios;” Lilium” ofrécelle ao sol unha explosión floral; a cabeza de “Thelma” non ten reparos para soñar con todas as rutas, aínda que pense que se volveu un pouco tola; as tres “Furias” son agora as deusas que loitan pola igualdade e a dignidade; “Nebra” leva na testa o cabalo Pègaso e ofrece coa man o Adan de Miguel Anxo; “Dorna” olla de perfil” con porte ergueito” e do seu toucado saen nobelos e vermellos soños; a “Xeo” florécenlle “ folerpas do solsticio de inverno” que adoptan protectoras formas femeninas; “Brétema” leva fríos de cor azul nos beizos e un colar de azuis bágoas, a un tempo soña con cálidos tuaregs; a cabeza de “Tambo” vai arroupada por unha man con paxaros tropicais e brancas plumas, mentres anceia “unha illa no medio do mar”; Treixa” “amarra as lembranzas con fíos de liño”; ferven paxaros arredor de “Odile”, quizais porque ten moitos na cabeza; “ Leira” -e toda ela unha explosión de uvas, margaridas, narcisos, fiunchos, loureiro... ; o cabelo de “Xurela” é unha enorme flor de cor celeste porque lle desceu das estrelas; o negro alento da noite pousóuse sobre “Éboli”; e “Tábana “ cheira a horta, a xardín e a lagoa”. Con este ramallo de persoais e maravillosos retratos do universo femenino, que acompaña con poéticos textos, Clara Martín entoa unha fermosa oda visual, un exultante e imaxinativo canto, para nos ofrecer unha visión máxica das infinitas posibilidades que van incluidas na condición da muller de paridora gran nai.